Moción pola que se solicitan melloras na estrada comarcal 552
Este é o texto íntegro da moción:
Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Hai moito tempo que desde o BNG da Laracha vimos demandando a adopción de medidas na estrada comarcal 552, en lugares como “As Rañeiras”, onde moitos veciños e veciñas teñen que cruzar a estrada para ir á igrexa de Lestón. Tamén son moitos os veciños e veciñas que están a reclamar a adopción de medidas para evitar que se produzan máis atropelos. E non só neste lugar, tamén na parroquia de Cabovilaño hai dous puntos negros para os peóns, na zona do “Cancelo” (onde se atopa a rotonda por onde se vai ao futuro Polígono Industrial e á autovía, e tamén o cruce que vai para a igrexa) e tamén na zona do “Regado” na que se teñen producido moitos atropelos. Ademais, o estado no que se atopa o firme desta que é a principal vía de comunicación do noso concello (ademais da autovía A Coruña-Carballo, privatizada no seu día polo Partido Popular de Fraga) é bastante lamentábel en moitos puntos, e necesita dunha mellora integral. Tamén necesitamos actuacións nos núcleos da Laracha e Paiosaco, para desviar o tráfico do centro, é dicir, precisamos dunha circunvalación para estos dous núcleos.
Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG da Laracha somete á consideración do Pleno da Corporación a adopción do seguinte ACORDO:
Instar á Xunta de Galiza á adopción de medidas para mellorar a estrada comarcal 552 ao seu paso polo concello da Laracha: melloras no firme da estrada, actuacións para mellorar a seguridade dos peóns en puntos negros como “As Rañeiras” en Lestón ou “O Cancelo” e “O Regado” en Cabovilaño, e estudar a viabilidade dunha circunvalación para os núcleos de Paiosaco e A Laracha.
A Laracha, 19 de maio de 2010