Moción de apoio ás explotacións gandeiras
Este é o texto íntegro da iniciativa presentada polo BNG da Laracha:
Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais presenta, para o seu debate na vindeira sesión plenaria ordinaria, a seguinte MOCIÓN EN APOIO DAS EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Dentro do chamado Chequeo Médico da Política Agraria Común, adoptado pola Unión Europea outorgáselles aos Estados membros certa capacidade para decisión en relación coa súa aplicación en cadanseu territorio. Este é o caso da decisión sobre o destino que se lles dá ao reparto dos novos fondos de desenvolvemento rural procedentes do incremento da modulación.
En xaneiro de 2009, o BNG a través da Consellaría do Medio Rural, tanto nos foros sectoriais como a través das alegacións formuladas ao proxecto do Ministerio de Medio Rural do Goberno do Estado, defendeu que estes recursos debían destinarse fundamentalmente ao sector lácteo que era o que ía padecer, tal e como estamos a comprobar na actualidade, en maior medida as consecuencias das decisións adoptadas no ámbito europeo: desaparición das cotas logo do 2015 e eliminación dos mecanismos de regulación da produción e do mercado, entre outras.
Esta posición concretouse na defensa por parte do BNG da dotación dun Fondo Lácteo cunha contía non inferior aos 144 millóns de euros ao ano e que fose destinado a axudas compensatorias dirixidas ás explotacións profesionais cuxa dimensión as fai especialmente vulnerábeis, ás que realizaron un maior esforzo investidor nos últimos anos para dimesionarse, investindo grandes cantidades na compra de cota e en planes de mellora para facer explotacións máis competitivas. En definitiva, que este fondo servise para que todas aquelas explotacións viábeis, con vocación de permanencia e que fixeron un grande esforzo para adaptarse e resultaron gravemente prexudicadas, puidesen adaptarse para competir após de 2015 no novo escenario liberalizado en igualdade de condicións que aquelas do contorno europeo que non se viron obrigadas a realizar un esforzo económico semellante ao das galegas.
Non obstante, as decisións que adoptou o Ministerio sobre a aplicación do Chequeo Médico da PAC no Estado foron nun sentido radicalmente contrario e son claramente discriminatorias para o sector lácteo, fronte a outras producións agrarias, especialmente as de cereais, prexudicando claramente a Galiza en favor doutros territorios. En termos económicos esta decisión supuxo que só 40 millóns de euros (menos dun terzo do reclamado polo BNG reiteradamente) se destinen ao sector lácteo e a un tipo concreto de explotacións, limitándose ás ubicadas en zonas de montaña e outras áreas desfavorecidas, criterios que benefician claramente a comunidades como Asturias, Cantabria ou o País Vasco (e seguramente Castilla y León), pero non a Galiza; onde van quedar totalmente excluídas destas axudas importantes comarcas leiteiras (Xallas, Bergantiños, comarca de Santiago, Mariña de Lugo).
Compre salientar que estas decisións do Ministerio, tanto no ámbito económico, de que tipo de sectores se benefician dos recursos da PAC, como no tipo de explotacións que poden solicitar estas axudas, non contou con ningún posicionamento político contrario nin ningún intento de negociación ou veto por parte do actual goberno de Galiza, máis alá da utilización partidista que o PP está a facer, desta gravosa situación para milleiros de gandeiros galegos.
A xuízo do Bloque Nacionalista Galego, os gandeiros e gandeiras non poden ser os únicos prexudicados da nefasta actuación de ambos os dous gobernos, o de Galiza e o do Estado, polo que demandamos que a Xunta de Galiza, ademais de reclamar do Estado a reparación desta discriminación, debe actuar e estabelecer medidas para resarcir a aquelas explotacións que fican excluídas destas axudas.
Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO:
1.- Instar ao Goberno Galego a que, a través da Consellaría do Medio Rural, estabeleza unha liña de axudas dirixidas especificamente ás explotacións gandeiras que en 2010 non terán acceso á novas axudas da PAC.
2.- Instar ao Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino, á modificación do Real Decreto que regula as axudas da PAC, de xeito que a axuda ás explotacións lácteas non discrimine ás explotacións segundo a súa ubicación xeográfica, e que a Xunta de Galiza faga o propio coa súa normativa de aplicación do disposto polo Estado.
3.- Instar á Xunta de Galiza a que cree un verdadeiro Fondo Lácteo, e demandar do Goberno do Estado a que faga o propio. Un Fondo Lácteo coa suficiente dotación orzamentaria, de carácter extraordinario, destinado a mellorar a viabilidade das explotacións e preparar ao sector lácteo para un horizonte sen cotas no que poidan competir en igualdade de condicións, que entre outras financie as seguintes medidas:
-
Axudas compensatorias destinadas ás explotacións profesionais cuxa dimensión as fai especialmente vulnerábeis, e a aquelas explotacións que nos últimos anos experimentaron un maior crecemento da súa cota e un maior esforzo investidor.
-
Axudas a compromisos agroambientais.
-
Apoio financeiro aos investimentos.
A Laracha, 5 de maio de 2010
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha
Axudas compensatorias destinadas ás explotacións profesionais cuxa dimensión as fai especialmente vulnerábeis, e a aquelas explotacións que nos últimos anos experimentaron un maior crecemento da súa cota e un maior esforzo investidor.
Axudas a compromisos agroambientais.
Apoio financeiro aos investimentos.