Moción para demandar da Xunta de Galiza medidas contra o paro

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

 EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

Logo de cumprirse un ano desde a chegada de Nuñez Feijoo ao goberno da Xunta de Galiza, as promesas electorais do Partido Popular esvaecéronse, e as mentiras verquidas antes e durante a pasada campaña electoral quedaron en evidencia. Resulta que ese Nuñez Feijoo que prometera sacarnos da crise en 45 días, o balance que pode presentar un ano despois é de case 30.000 parados máis en Galiza. Medidas en positivo non se lle coñece ningunha, en negativo moitas.

 

Neste primeiro ano de goberno, o Partido Popular afanouse tanto en destruír o feito polo goberno anterior e en atacar á nosa lingua, que no tivo tempo para gobernar realmente, para enfrontar a grave crise económica que padecemos con algunha medida encamiñada á creación de emprego e á reactivación da nosa economía. Máis ben ao contrario, o que está a adoptar o goberno de Feijoo son políticas activas de destrución de emprego:

·        Destrución de emprego público na sanidade, coa suspensión de acordos aprobados polo goberno anterior e publicados no DOG, como o “Plan de Mellora de Atención Primaria” (só na Área Sanitaria da Coruña deixaron de crearse 159 empregos, prazas que terían que ser cubertas no segundo semestre do ano 2009 e que non se crearon ao ser suspendido este plan polo goberno de Feijoo), e tamén coa drástica redución do número de substitucións do persoal sanitario.
 
·        Desmantelamento dos servizos sociais e de igualdade públicos e despido de traballadores e traballadoras, como é o caso das oficinas de Igualdade e Benestar que o goberno do P.P. pretende pechar, e nas que se produciron xa máis de 60 despidos.
 
 
·        Coa paralización de servizos públicos, como é o caso do Xeriátrico de Vimianzo –xa rematado desde hai máis dun ano- e os Centros de Día tamén rematados e para os que a Xunta do P.P. non dá contratado o persoal e posto en funcionamento. Ademais., xa sabemos que a intención do Partido Popular é concesionar con empresas privadas todos os centros (como farán tamén co da Laracha) co que, ademais da considerábel merma na calidade do servizo, crearanse moitos menos empregos e moito máis precarios.
 
·        Coa aprobación por parte da Consellería de Traballo de todo canto “Expediente de Regulación de Emprego” lle é presentado por parte de calquera empresa, sen ningún rigor, como fixeron no caso de Caramelo, empresa á que despois de aprobarlle un ERE para o despido de centros de traballadores e traballadoras (de xeito moi dubidoso e que está denunciado nos tribunais de xustiza), logo concédenlle unha axuda millonaria a través do IGAPE para deslocalizar a súa produción (como fai, por certo, o Conselleiro de Industria, que tamén ten a produción das súas empresas en Portugal).
 
·        Coa paralización dun sector estratéxico, como é o da enerxía eólica, que podería crear milleiros de postos de traballo no noso país.
 

O goberno de Nuñez Feijoo está a ser un atranco para o avance do país, un retroceso non só en termos de política social e dos servizos públicos, senón tamén en termos económicos e de creación de emprego.

 

Ademais, cun cinismo e unha hipocresía impresionantes, pois se antes todos os males eran por culpa do goberno bipartito, agora resulta que a culpa de todo é de Zapatero, agora parece ser que a Xunta non ten responsabilidade ningunha no paro e nos malos datos da nosa economía.

 

Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG da Laracha somete á consideración do Pleno da Corporación a adopción do seguinte ACORDO:

Instar á Xunta de Galiza a que, en beneficio da economía do país, da creación de emprego e da calidade dos servizos públicos, adopte as seguintes medidas:
 
1ª.- Que paralice o desmantelamento dos servizos públicos, e que non se pechen as oficinas I+B, e polo tanto se contrate de novo ao persoal despedido.
 
2ª.- Que se poña en marcha dunha vez o proceso de contratación do persoal para o Xeriátrico de Vimianzo e para os Centros de Día xa rematados, para a súa apertura e posta en funcionamento.
 
3ª.- Que se recuperen os acordos suspendidos pola Consellería de Sanidade, nomeadamente o “Plan de Mellora de Atención Primaria”, que supoñía a creación de centos de postos de traballo, que se creen todas as novas prazas que ese plan tiña previstas para o pasado ano 2009 (só na Área Sanitaria da Coruña 159 novos postos de traballo) e tamén as previstas para este ano 2010.
 
 
4ª.- Que, por parte da Consellería de Traballo, se estuden con máis rigor os Expedientes de Regulación de Emprego que lle son presentados, e que non se aproben por sistema o 100 % dos EREs como está facendo ata o de agora, pois semella que a Consellería está a facilitar os despidos masivos, nalgúns casos pouco xustificados e de maneira moi dubidosa (coma no caso de Caramelo).
 
5ª.- Paralización dos plans privatizadores da Xunta de Galiza, tanto no referente á sanidade como aos servizos sociais. A Consellería de Sanidade anulou os procesos para a ampliación do Hospital de Pontevedra e a construción dun novo hospital público en Vigo, e agora pretende construír dous hospitais privados, o que significa menos calidade, menos emprego e moito máis precario, ademais de hipotecar á Xunta de Galiza por moitos anos, como fixeron coa privatización da autovía A Coruña-Carballo. Polo tanto instamos ao goberno galego á construción dos devanditos hospitais con cargo aos orzamentos da Xunta e como hospitais públicos, e así mesmo á apertura dos Centros de Día e Xeriátricos pendentes con xestión directa, como centros públicos e non privatizados.

 

A Laracha, 24 de marzo de 2010

 

Asdo.:Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha
 

 

 

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]