Moción para rexeitar a proposta do goberno central de adiar a idade de xubilación ata os 67 anos
Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta, para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación, a seguinte MOCIÓN PARA DEMANDAR A RETIRADA DA PROPOSTA DE REFORMA DAS PENSIÓNS REALIZADA POLO GOBERNO DO ESTADO EXPOSICIÓN DE MOTIVOS: O Goberno do Estado anunciou recentemente unha proposta sobre a revisión do Pacto de Toledo onde se propoñen diferentes medidas, sendo a máis relevante o incremento da idade legal de xubilación dos 65 anos actuais aos 67. Para o BNG resulta preocupante o actual contido desta proposta de revisión do Pacto de Toledo, considera que a mesma conta con varios elementos regresivos e non se pode xustificar aludindo a garantir o sistema público de pensións. O obxectivo do Goberno do Estado ao presentar a reforma é contentar aos mercados e devolver a confianza aos investidores internacionais sobre a solvencia do Estado español, e polo tanto dar garantías aos mercados financeiros de que o Estado ten capacidade para financiar a súa débeda pública no futuro. A principal xustificación do Goberno para propoñer esta reforma é que o incremento da esperanza de vida e o futuro incremento do número de persoas anciáns porá en perigo a viabilidade futura do Sistema de Pensións. Sendo certo que as estimacións indican que se incrementará o número de pensionistas no futuro, trátase dun argumento retorcido, incompleto e erróneo, que non ten en conta outros factores, como os seguintes: • Non se trata de comparar persoas anciáns fronte a xente moza, senón que a comparativa debe facerse en termos de pensionistas fronte a cotizantes da Seguridade Social. Así, nun Estado onde o paro ronda o 19% e a incorporación da muller ao mercado do traballo aínda é escasa (54%, fronte a algún país no que a taxa sitúase no 87%), existe unha ampla capa de poboación susceptíbel de ser cotizantes, mais que na actualidade non o son. Ademais, non se teñen en conta posíbeis fluxos migratorios que poderían incrementar considerabelmente o número de cotizantes, como de feito sucedeu no Estado español nos últimos anos. • Un descenso de cotizantes non implicaría descenso do volume de cotizacións -do mesmo xeito que a redución de traballadores e traballadoras do agro non implicou un descenso do volume de alimentos-, e isto é debido ao incremento da produtividade, da cal existe o consenso de que pode crecer a un ritmo ao redor do 1,5% anual. En boa medida, o futuro das pensións vai ligado á capacidade da economía para crecer, incrementar a produtividade e o valor engadido e xerar emprego. • O incremento na esperanza de vida de catro anos que se produciu nas últimas décadas non implica que cada pensionista cobre catro anos máis de pensión . De feito, o actual incremento da esperanza de vida ten un dos seus principais factores na redución da taxa de mortalidade infantil. Polo tanto, que se incrementase a esperanza de vida catro anos non implica directamente que unha persoa que chega á vellez viva de media catro anos máis. O BNG considera que o actual sistema é sólido e solvente, e tamén que poden ser necesarias algunhas reformas no Sistema de Pensións, pero para corrixir os aspectos regresivos que contempla o Pacto de Toledo, pacto que foi apoiado tanto polo PP como polo PSOE, e supuxo o primeiro paso para o retroceso do carácter público do Sistema de Pensións. Polo tanto o BNG oponse frontalmente á reforma tal como a ten deseñado o Goberno do Estado. Por todo o exposto, o BNG somete a consideración do Pleno o seguinte ACORDO: Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno central que retire a actual proposta sobre a Reforma das Pensións, contemplada no “Documento sobre revisión do Pacto de Toledo”. A Laracha, 23 de febreiro de 2010 Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG