Moción para o mantemento das oficinas I+B e dos programas que desenvolven actualmente en materia de inclusión social, familia e menores
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Na actualidade hai no noso país 18 oficinas de I+B, ás que hai que sumar a do módulo Nelson Mandela do Centro Penitenciario de Teixeiro, e que atenden 294 concellos, é dicer, a práctica totalidade dos municipios galegos, exclusión feita dos de carácter urbano.
Estas oficinas actúan, en plena coordinación cos servizos sociais municipais, desenvolvendo programas en materia de menores, como é o Plano Estratéxico Galego de Infancia e Adolescencia, que ocupa a 28 traballadores e traballadoras, loita contra a pobreza e inclusión social, co Plano de Inclusión Social da Galiza 2007-2013, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e que ocupa a 46 traballadores e traballadoras; e, familia, a través do Plano Integral de Apoio ás Familias, atendido por 12 traballadores e traballadoras. En total, 104 traballadores e traballadoras, aos que hai que sumar as 9 persoas que integran a equipa coordinadora e 3 profesionais que exercen no módulo Nelson Mandela de Teixeiro. Cómpre lembrar que son todas e todos profesionais que accederon aos seus postos de traballo despois de superaren, de conformidade coa normativa reguladora do acceso ao emprego público, as correspondentes probas selectivas tal e como o pasado 3 de novembro recoñeceu a Secretaria Xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, rectificando as manifestacións verquidas no curso dunha comparecencia parlamentaria o pasado 23 de outubro nas que cualificou as oficinas de I+B como "oficinas de emprego do BNG".
Aínda tendo en conta todo isto, tanto a Conselleira de Traballo e Benestar como a Secretaria Xeral de Familia e Benestar, seguen a deitar dúbidas sobre o futuro destas oficinas e das súas traballadoras e traballadores, avogando para que sexan os concellos os que asuman os servizos que se prestan na actualidade e remitindo a súa continuidade á negociación coa FEGAMP. Ameázase deste xeito con pór fin a unhas oficinas que, desde o punto de vista integral e multidisciplinar, supuxeron unha clara melloría na prestación dos servizos sociais no canto de as afortalar dando continuidade a un proceso de consolidación de emprego para os seus traballdores e traballadoras, paralizado pola Xunta do P.P. Hai que ter en conta que estas oficinas I+B traballan en permanente coordinación cos servizos municipais, que vén desconxestionar o seu traballo ao permitir derivar cara a elas un volume importante de asuntos.
Por todo o exposto, o grupo municipal do BNG somete á consideración do Pleno da Corporación a adopción do seguinte ACORDO:
Instar á Xunta de Galiza a:
1.- Manter as oficinas de I+B coas funcións actuais en materia de familia, igualdade, menores e inclusión social.
2.- Dar continuidade ao proceso de consolidación de emprego para as traballadoras e traballadores das oficinas I+B.
Comunicar este acordo aos grupos do Parlamento Galego.
A Laracha, 10 de novembro de 2009
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz, Portavoz do G.M. do BNG da Laracha