Moción por un modelo fiscal progresivo, e de rexeitamento á subida do IVE
MOCIÓN PARA UNHA REFORMA FISCAL BAIXO CRITERIOS DE XUSTIZA, EQUIDADE E PROGRESIVIDADE:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A profunda crise domodelo económico neoliberal que viñeron impulsando o PP e o PSOE nos últimos anos, máis alá dos aspectos relativos á crise financeira, evidencia unha crise do modelo fiscal que se veu aplicando, e amosa os límites dunha forma regresiva e pouco igualitaria de entender a política fiscal.
Así, as políticas de PSOE e PP foron na direción de eliminar os aspectos progresivos da fiscalidade: aumentáronse fortemente os impostos regresivos como o IVE e os impostos especiais (carburantes, alcohol e tabaco) e, pola contra, reduciuse a importancia dos impostos directos, como o IRPF, Sociedades, Patrimonio, etc. O último exemplo témolo nos Orzamentos Xerais do Estado, onde o goberno propón incrementar o IVE normal e reducido. O BNG opúxose de xeito rotundo á subida do IVE, por se tratar dun imposto de carácter indirecto, que non ten en conta as circunstancias económicas das persoas contribuíntes e que sobre todo repercutirá nas clases medias e traballadoras. Ademáis, penaliza ás rendas baixas, pois son as que destinan unha maior porcentaxe da súa renda ao consumo.
Exemplos anteriores nesta mesma liña son os seguintes:
1. Rebaixa continuada do tipo máximo do IRPF até situalo no actual 43%.
2.- Rebaixa dos gravames sobre as rendas do capital (plusvalías, dividendos e intereses). Ademáis, nos últimos anos eliminouse a distinción entre as plusvalías xeradas no mesmo ano (normalmente especulativas) e as rendas xeradas en periodos máis longos.
3.- Creación de réximes de verdadeiro paraíso fiscal para os investimentos das grandes fortunas, como por exemplo as SICAV (sociedades de investimento en capital variábel), que teñen un tipo do 1%.
4.- Supresión do Imposto sobre o Patrimonio.
5.- Desregulación financieira no plano internacional, que permitiu a aparición de canles cada vez máis amplas para a evasión e a fraude fiscal.
6.- Relaxamento da inspección tributaria, que permitiu a extensión de grandes bolsas de fraude que afectan sobre todo ás rendas do capital e ao IVE.
Estas reformas foron presentadas como unha redución de impostos para todos e todas. Na práctica, estas reducións beneficiaron maioritariamente ás persoas máis ricas. As rendas medias e baixas non viron reducidos os seus impostos, senón que incluso os viron aumentados pola vía do aumento dos impostos indirectos e o salto de tramo n o IRPF polo efecto da inflación.
Polo tanto, o problema non son os supostamente altos impostos, senón cómo estes están distribuídos na sociedade. Practicamente todos os países da UE con maior renda per cápita que a galega e a española teñen tamén unha maior presión fiscal. Debemos aspirar a ter unha presión fiscal que permita ás administracións dispor de recursos suficientes que garantan a suficiencia financeira dos concellos e que permitan impulsar políticas que favorezan a cohesión social e polo tanto, garantan uns servizos públicos de calidade: educativos, sanitarios, pensións, servizos sociais, redes viarias, transportes colectivos, de promoción cultural, etc.
Existe tamén unha correlación positiva entre presión fiscal e cohesión social. Así, os tres países europeos con maior presión fiscal son os que teñen uns maiores niveis de igualdade social. Parece que os partidos que demandan unha redución xeralizada de impostos teñen como referente a Eslovaquia, Lituania ou Romanía, os tres países con menor presión fiscal da UE, aínda que son máis coñecidos polas súas desigualdades e o baixo nivesl de desenvolvemento.
Parellamente ás modificacións fiscais regresivas dos últimos anos, en Galiza e no estado español incrementáronse as desigualdades, e estas están na raíz da crise actual, posto que a baixa capacidade de compra das rendas modestas constitúe un freo á expansión da demanda e o consumo. Así, a fiscalidade debe ser entendida non só con finalidade recadatoria, senón como un instrumento clave para revisar o modelo de crecemento e fomentar a cohesión e a loita contra as desigualdades sociais. Polo tanto, é o momento de acometar unha reconsideración do conxunto do sistema fiscal para darlle coherencia, reequilibrar o peso dos impostos directos e indirectos e recuperar o seu caracter progresivo, de maneira que unha ampla maioría social, nomeadamente a clase traballadora e media, sexa beneficiada de tal reforma.
Por todo isto, sometemos á consideración do Pleno a aprobación do seguinte ACORDO:
A Corporación Municipal da Laracha en Pleno, insta á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado a retirada da proposta de incremento do IVE contemplada nos Orzamentos Xerais do Estado, e presente unha nova proposta onde non se incrementen os impostos indirectos, e se dote ao sistema tributario de maior progresividade. Polo tanto, que se acometa unha reforma fiscal baixo os principios de progresividade, equidade e xustiza tributaria, que implique unha menor presión fiscal para as rendas medias e baixas, e maior presión fiscal ás rendas máis altas, e implique tamén gravar con maior progresividade as rendas procedentes do capital e de actividades especulativas, así como a adopción de medidas efectivas contra a fraude e a evasión fiscal.
A Laracha, 10 de novembro de 2009
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG