Moción relativa aos criterios para a distribución do novo Fondo Estatal de Investimento Local para o ano 2010

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

No debate sobre a situación do estado, o presidente do goberno anunciou que os orzamentos xerais para o próximo ano 2010 contemplarán un novo FEIL, dotado de 5.000 millóns de euros, dedicado a investimentos en proxectos de sustentabilidade ambiental, tecnolóxicos e de investimento para centros sociais, especialmente relacionados coa dependencia. O novo decreto sobre este Fondo estaría aprobado en outubro de maneira que os concellos poderán acollerse a este fondo a partir do 1 de xaneiro de 2010.

Preocúpanlle aos concellos galegos cales van ser os criterios a seguir á hora de repartir os recursos do novo Fondo Local, dado o precedente do actual, no que se utilizou a poboación como única variábel para establecer a asignación orzamentaria a cada concello. Desde o BNG consideramos que o goberno do estado debe ter presente outros factores que inflúen no custo dos servizos, como son a dispersión xeográfica, a implantación actual das novas tecnoloxías, ou a poboación maior de 65 anos.

A distribución da poboación no territorio galego caracterízase precisamente pola súa elevada dispersión, con poboacións concentradas en pequenos núcleos que complican e fan máis custosos os servizos públicos a ofrecer aos seus veciños e veciñas. Circunstancia que obriga aos concellos galegos a realizar investimentos superiores aos que se realizan en territorios onde a poboación se concentra en grandes núcleos. O feito de contar cun gran número de núcleos de poboación obriga a un maior número de investimentos, xa que logo, os recursos que se asignen a cada concello deberan asignarse tendo en conta tamén esta realidade. Tamén o grao de introdución tecnolóxica debe terse en conta, posto que parte do investimento deste novo fondo vai dirixido a proxectos de sustentab ilidade ambiental e tecnolóxicos.

De igual modo, o avellentamento da poboación debe ser outro dos factores a ter en conta á hora de ponderar a variábel de poboación, en especial cando unha das finalidades deste fondo son investimentos en centros sociais, sobre todo relacionados coa dependencia. Galiza posúe unha alta porcentaxe de poboación avellentada que tamén aumenta os gastos en servizos públicos de asistencia ás persoas maiores. Por todo isto é polo que tamén entendemos que se debe ponderar o seu peso na variábel da poboación.

Por todo iso, propoñémoslle ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte ACORDO:

1.- Instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado que, á hora de distribuír o novo Fondo Estatal de Investimento Local para o ano 2010, se introduzan como criterios de reparto nos concellos a dispersión e o avellentamento da poboación, así como a introdución actual das novas tecnoloxías.

2.- Dar traslado deste acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, así como aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galiza.

 

A Laracha, 8 de outubro de 2009

Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]