Moción pola retirada da simboloxía franquista no concello da Laracha

O Grupo Municipal do BNG da Laracha presentou unha moción reclamando a retirada da simboloxía franquista do concello da Laracha, nomeadamente da "Praza do Generalísimo Franco" na Laracha e da "Rúa Carrero Blanco" e as súas travesías en Caión.

Este é o texto íntegro da moción:

O 26 de decembro do pasado ano 2007 foi aprobada a lei estatal coñecida como "Lei da Memoria Histórica". Este texto lexislativo que se publicou no BOE do 27 de decembro de 2007, entrou en vigor ao día seguinte da súa publicación, é dicer, o 28 de decembro de 2007, establece no seu artigo 15: "As administracións públicas, no exercicio das súas competencias, adoptarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas da exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Dictadura".

O concello da Laracha é a día de hoxe aínda un dos poucos nos que seguimos honrando aos máximos responsábeis da sublevación militar e da represión da dictadura franquista, en concreto, a través do nome da principal praza da capital municipal, onde se atopa a casa do concello, e na que podemos ver unha placa indicando que estamos na "Praza do Generalísimo Franco". O mesmo ocorre na vila de Caión, onde tamén podemos ver, nunha das súas principais rúas, a que vai da Ínsua á praza da vila, a placa indicativa do nome desa rúa "Carrero Blanco" así como as correspondentes travesías.

Desde o BNG queremos insistir unha vez máis en que A Laracha deixe de dar este lamentable espectáculo de seguir honrando aos represores fascistas, ademáis cando agora existe un texto legal que obriga ás administracións públicas a retirar as placas conmemorativas da exaltación da sublevación militar e da represión da dictadura (como se recolle no texto do artigo antes mencionado).

Non podemos entender a actitude do Partido Popular da Laracha, que leva anos rexeitando as nosas propostas ao respecto, e insiste en manter ao concello da Laracha como un dos últimos reductos onde se honra aos represores fascistas cos nomes de rúas e prazas. Moitos concellos mesmo gobernados polo P.P. xa hai anos que eliminaron dos seus rueiros os nomes dos fascistas, como o concello de Madrid, por exemplo, ou un caso moito máis cercano, o concello de Carballo onde se retiraron os nomes franquistas cando aínda gobernaba o Partido Popular.

Pola contra, na Laracha o goberno municipal do P.P. resístese, e parece querer reivindicarse como sucesor desa dereita represora, negándose mesmo a cumprir unha lei.

Desde o BNG da Laracha seguimos insistindo na necesidade de recuperarmos a dignidade democrática, e de non seguir avergoñando aos veciños e veciñas do noso concello cos nomes da principal praza da capital municipal e dunha das principais rúas da vila de Caión.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG da Laracha somete á consideración do Pleno a adopción do seguinte acordo:

O concello da Laracha retirará os nomes dos representantes da dictadura franquista das rúas e prazas do noso concello (nomeadamente da "Praza do Generalísimo Franco" da Laracha e a "Rúa Carrero Blanco" e as súas travesías en Caión) en cumprimento do establecido no artigo 15 da Lei 55/2007 (coñecida como Lei da Memoria Histórica).

A Laracha, 24 de setembro de 2009

Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]