Moción reclamando unha mellora no financiamento dos concellos
O Grupo Municipal do BNG da Laracha presentou unha moción solicitando a adopción de medidas, tanto por parte da Xunta de Galiza como do goberno central, para mellorar substancialmente o financiamento dos concellos, nun contexto de crise económica que está afectando gravemente ás entidades locais.
Este é o texto íntegro da moción:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A crise económica está a supoñer unha forte redución de ingresos por parte das administracións públicas. Nos concellos, esta merma provoca un grave deterioro financieiro, o que sumado ao estrutural raquitismo do financiamento local, provoca tamén situacións próximas á bancarrota en moitos concellos. Polo tanto, compre adoptar medidas, tanto de carácter máis urxente e conxuntural como outras de carácter estrutural de cara a garantir unha estabilidade orzamentaria nos concellos que ller permita prestar de xeito eficaz os servizos que lle son encomendados.
Doutra banda, a Xunta de Galiza ten feito mención a unha redución do capítulo de impostos indirectos e de taxas e prezos, como consecuencia da actual situación de crise económica. Desde o BNG consideramos que tal redución non debe afectar aos ingresos que reciben os concellos mediante o Fondo de Cooperación Local, polo que é necesario garantir que este ano os concellos reciban as cantidades previstas a tal efecto.
Por último, con respecto ao modelo de financiamento local, os concellos galegos, que representan aproximadamente o 6,5% da poboación do estado español, receben un 5,27% da participación nos ingresos do estado. Mentres os concellos de Galiza receben 176,54 euros por habitante, a media no conxunto do estado recebe 221,07 euros.
Así, queda patente que o financiamento dos concellos desde o estado é insuficiente e inxusto: só ten en conta a poboación (75%) e o esforzo fiscal (25%) e non ten en conta que os custos dos servizos en Galiza son máis altos que no resto do estado pola dispersión e o avellentamento da poboación. Neste sentido, cómpre recordar que Galiza conta coa metade dos núcleos de poboación do estado: 36.000, e que a dispersión encarece os custos da prestación dos servizos.
Polo tanto, con carácter estrutural, é necesario reformar o financiamento local e incrementar a contía da participación nos ingresos do estado. Así, demandamos a integración plena da transferencia da participación nos ingresos do estado nos orzamentos da Xunta de Galiza, e esta transferencia deberá ter en conta o maior custo dos servizos en Galiza, derivado da dispersión e do avellentamento da poboación.
Por todo isto, o BNG proponlle ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte acordo:
Instar á Xunta de Galiza a:
1.- Garantir para o ano 2009 as cantidades previstas para os concellos a través do Fondo de Cooperación Local e non recurtar a dotación do Fondo para o ano 2010.
2.- Demandar do goberno do estado a elaboración dun plan que garanta o gasto corrente aos concellos e un sistema de moratorias no suposto de liquidacións negativas das cantidades recibidas da Participación de Ingresos do Estado.
3.- Demandar do goberno do estado a reforma urxente do financiamento local, de maneira que o novo modelo incremente a contía da participación nos ingresos do estado, e dita participación dos concellos galegos se integre plenamente nos orzamentos da Xunta de Galiza. Asímesmo, demandarase que o novo modelo teña en conta o maior custo dos servizos en Galiza, derivado da dispersión dos núcleos e o avellentamento da poboación.
4.- Dar traslado deste acordo ao Goberno da Xunta de Galiza e aos grupos parlamentares do Parlamento de Galiza.
A Laracha, 24 de setembro de 2009