Moción sobre os problemas no colexio da Laracha no inicio do curso

Xoán M. Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entitades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Atopámonos no inicio do curso escolar, un dos inicios de curso con maior conflitividade dos últimos anos, logo das medidas adoptadas polo novo goberno da Xunta de Galiza, desde a Consellería de Educación, que supoñen, desde o noso punto de vista, un ataque frontal ao ensino público e á economía das familias (coa eliminación da gratuidade dos libros de texto).

Este novo goberno incrementou en 15 unidades máis os concertos co ensino privado, mentres pola contra diminúen en 154 unidades do ensino público, ao que hai que engadir o peche de 23 escolas públicas e a eliminación de 249 postos de traballo. Este goberno adica 258 millóns de euros ao ensino concertado (o 11% do orzamento total da Consellería de Educación), e en concreto 3 millóns de euros aos colexios privados que segregan ao alumnado por sexos.

Esta política de recurtes no ensino público tamén está a afectar ao noso concello, e en concreto no Colexio Otero Pedrayo da Laracha faltan profesores de apoio (o ano pasado había 10 e este ano pasamos a ter unicamente 5), hai unha aula de Primeiro sen profesor e ademais 27 alumnos quedaron sen praza no comedor.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG propón ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte ACORDO:

Instar á Consellería de Educación da Xunta de Galiza á cobertura inmediata de todas as prazas de profesorado do Colexio Otero Pedrayo que están sen cubrir, a cobertura do profesor para os alumnos de Primeiro, a contratación de profesores de apoio e asímesmo o incremento das prazas de comedor para dar cabida aos alumnos que quedaron sen este servizo.

A Laracha, 14 de Setembro de 2009

Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]