MOCIÓN PARA DOTAR Á COSTA DA MORTE DUN HELICÓPTERO DE SALVAMENTO MARÍTIMO
Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no
Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento
das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da
Corporación a seguinte
MOCIÓN:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O goberno do Partido Popular vén de manifestar a súa intención de anular a
consignación orzamentaria e a tramitación administrativa iniciada na pasada lexislatura,
encamiñada a dotar á Costa da Morte dun helicóptero de salvamento marítimo coas
correspondentes infraestruturas a situar en Lires-Cee. O motivo ten que ver coa a
mentira habitual do PP sobre a falta de recursos na Xunta de Galiza baseándose nun
falso concepto de austeridade, para transmitir unha imaxe de precariedade, para que, en
pouco tempo, aparezan todos os recursos necesarios ‘grazas a súa inexistente xestión’.
Coñecida táctica utilizada por Aznar e o PP cando accederon en 1996 ao goberno do
Estado.
Acontece, porén, que a vida dos mariñeiros non pode ser obxectivo electoral e
partidista do PP nin se pode cuantificar economicamente. E o aforro público non se
pode vincular ao sacrificio das necesidades máis perentorias, en materia de seguranza e
salvamento.
A Costa da Morte é a día de hoxe a zona do litoral galego peor cuberta polos
helicópteros de salvamento que operan en Galiza, pois existen dúas aeronaves
pertencentes á Consellaría do Mar, unha ten a súa base en Vigo (o Pesca I) e a outra en
Celeiro (o Pesca II ), e logo temos o veterano helicóptero de SASEMAR (o Helimer
Galiza) na Coruña. Así, atopámonos nunha franxa de litoral na que se reduce
ostensibelmente a operatividade das unidades aéreas en caso de emerxencia marítima,
tanto polo incremento de tempo preciso para destacarse no lugar (procedendo de Vigo,
A Coruña ou Celeiro), como pola importante minoración da autonomía, entendida como
radio de acción e como tempo máximo de estadía sobre o lugar do sinistro.
Mesmo no caso de ter que efectuar varias viaxes (algo relativamente normal)
nun operativo de busca e salvamento nunha área da Costa da Morte, os helicópteros
teñen que efectuar labores de avituallamento de combustíbel e mantemento nos
aeroportos de Santiago de Compostela ou A Coruña, o que sen dúbida merma as súas
capacidades.
A Costa da Morte e litoral próximo, rexistra ademais unha importante taxa de
sinistralidade marítima, onde cabe recordar os accidentes do Prestige ou o Casón, pero
tamén a siniestralidade pesqueira con naufraxios graves en Malpica, Corme, Laxe,
Camariñas, Muxía, Fisterra, Carnota, Muros ou Porto do Son. Estas localidades posúen
un número importante de buques pesqueiros nos seus portos, ou ben que utilizan os seus
caladoiros. De especial relevancia resulta tamén a existencia do Dispositivo de
Separación do Tránsito Marítimo de Fisterra cun número medio anual de 42.000 buques
que a atravesan (115 embarcacións por día). Resulta inaceptábel, por tanto, a decisión
da Consellaría do Mar de prenscindir do helicóptero previsto na Costa da Morte.
Por todo isto, solicitamos do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte:
ACORDO
1. Instar ao Goberno da Xunta de Galiza a continuar o Concurso de
Adxudicación dun Helicóptero de Salvamento Marítimo, iniciado polo
goberno anterior, que teña como base permanente a Costa da Morte e se
extenda ás comarcas de Muros-Noia e Bergantiños, dotando ademais o
servizo das correspondentes infraestruturas de apoio loxístico e
mantemento en terra.
2. Trasladar este acordo ás entidades sociais, confrarías, asociacións
empresariais e veciñais, procurando a súa adhesión a esta petición e o seu
traslado ao Goberno da Xunta de Galiza.
A Laracha, 6 de xuño de 2009
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha