Moción de rexeitamento do ERE da empresa CARAMELO

Carolina Castiñeiras Brandón, Concelleira do Grupo Municipal do BNG da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta, para o seu debate na vindeira sesión plenaria ordinaria, a seguinte MOCIÓN:

 

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

En decembro de 2008, a empresa “CARAMELO” anunciou a súa intención de deslocalizar a produción á Asia e á África. Desde aquela téñense producido arredor de 100 despedimentos individuais.

 

O pasado día 8 de maio, a direción da empresa formalizou  a presentación dun ERE que contempla o despedimento de 237 traballadores e traballadoras no centro de produción que a empresa ten na Coruña e a desregularización das actuais condicións laborais do plantel restante a través da flexibilidade horaria e da mobilidade funcional.

 

Este ERE non conta co acordo da representación das e dos traballadores e traballadoras, que veñen realizando diversas mobilizacións en demanda dun acordo para acadar a mellor solución aos problemas da empresa e denunciando un ERE vinculado claramente a esa estratexia de deslocalización da produción.

 

A marca CARAMELO ten sido até o de agora un referente de confeción galega de calidade e fonte de emprego industrial, fundamentalmente de emprego feminino. A xeración de emprego non foi só de xeito directo, tamén afectou aos pequenos talleres espallados pola comarca  que traballaban para a factoría principal instalada no Polígono de Agrela. A deslocalización da empresa pode chegar a afectar en total máis de 1000 persoas.

 

O goberno galego mantén unha participación pública no accionariado da empresa cun 7,5% a través de SODIGA e polo tanto ten, como socio-accionista que é, a capacidade e a obriga de intervir directamente nas decisións desta. Por outra banda non é tampouco un segredo que a empresa ten recibido importantes axudas do Goberno Galego co obxectivo de frear a perda de emprego.

 

Por todo isto o BNG solicita a adopción dos seguintes ACORDOS:

 

1. Instar ao Goberno Galego a non informar favorablemente o ERE presentado.

 

2. Instar ao Goberno Galego a se opor ás medidas de deslocalización da produción e desregulación de emprego inciadas pola empresa.

 

 

 

A Laracha, 27 de xuño de 2009

 

 

Asdo. Carolina Castiñeiras Brandón

Concelleira do Grupo Municipal do BNG

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]