Moción por un Plan de Accesibilidade Universal
Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN relativa á aprobación dun “Plano de Accesibilidade Universal da Laracha”:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Desde o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego consideramos necesaria a xeración e aplicación de instrumentos municipais que permitan a aplicación e o desenvolvemento da Lei 39/2006, de 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Personas en Situación de Dependencia, así como da Lei 51/2003, de 2 de decembro, de Igualdade de Oportunidades, non Discriminación e Accesibilidade Universal das Persoas con Diversidade Funcional.
Para iso propoñemos a elaboración e aprobación dun “Plano de Accesibilidade Universal (P.A.U.), con concello da Laracha”. Trátase dun plano de execución, que ten como obxectivo facer accesíbel, dun xeito gradual, o entorno existente, coa finalidade de que todas as personas poidan desenvolverse de maneira libre, segura e coa maior autonomía posíbel. Proponse normalizar e estandarizar, en todo o termo municipal, as solucións normativas e técnicas establecidas e dispoñíbeis.
Mediante este Plano, avaliaráse o alcance de BARREIRAS FÍSICAS: NO URBANISMO, NA EDIFICACIÓN, NO TRANSPORTE E NA COMUNICACIÓN E A INFORMACIÓN, que existen en espazos e itinerarios e definiranse as accións necesarias para adaptalo, priorizando, valorizando e propoñendo planos e fases de execución. O proceso deberá encamiñarse á adaptación progresiva do municipio na sua totalidade.
Consideramos que o Plano debe centrarse nas estratexias e actuacións establecidas no “Plan Nacional de Accesibilidad 2004-2012”, e debe ser elaborado coa maior participación política, técnica e da comunidade (participación do tecido asociativo do concello, e tamén de entidades que traballen con persoas discapacitadas, persoas con problemas de mobilidade, maiores, etc.).
Consideramos que se deben avaliar e propoñer accións para a eliminación das barreiras existentes e de “Deseño para Todos” (DpT) en:
- Os espazos de uso público: rúas, prazas, parques, etc.
- Os edificios de acceso público: sexan de propiedade pública ou privada.
- Os elementos da cadea de transportes: desde as paradas ata o material móbil.
- Os sistemas de comunicación e/ou información comunitaria: sinaléctica
pública e privada, TICs(Tecnoloxías da Información e a Comunicación), etc.
Non se trata de que todo o espazo urbano sexa accesíbel de xeito inmediato, trátase de que, progresivamente, e conforme a un plano de prioridades, se vaian actualizando os entornos e servizos conforme ao Plano de Accesibilidade Universal en todo o municipio, de xeito que permitan á poboación desprazarse coa maior autonomía posíbel, con dignidade e con seguridade, e podendo utilizar, asímesmo, todos os espazos, edificios e servizos públicos, que tamén deberán estar adaptados. Proponse un marco de acción a través do “Consello Municipal de Accesibilidade” e a Asistencia Técnica adicada, que sistematice os problemas existentes e formule os planos de acción para resolvelos, ofrecendo solucións específicas e xenéricas que, nalgúns casos, necesitarán posteriormente o proxecto construtivo concreto.
O P.A.U. deberá ser realizado por un equipo multidisciplinar no que se inclúan perfís políticos, técnicos -do ámbito social e do urbanismo-, participación da cidadanía e das entidades de iniciativa social, etc. Tamén se deberá incluir, unha vez elaborado o Plano e establecidas as fases de aplicación, nos sucesivos orzamentos anuais, as partidas necesarias que corresponderán a cada unha das etapas nas que se dividida. Adxuntamos unha proposta de actuación para a elaboración do Plano.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG da Laracha somete á consideración do Pleno, a adopción do seguinte acordo:
O concello da Laracha abordará a elaboración do “Plano de Accesibilidade Universal da Laracha”. Este Plano será elaborado coa participación do tecido asociativo do noso municipio, das entidades do ámbito social que teñen A Laracha dentro do seu campo de actuación, de todos os grupos políticos representados na Corporación Municipal, e de técnicos do ámbito social e do ámbito urbanístico.
A Laracha, 16 de abril de 2009
Asdo.: Xoán Manoel Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha