Moción para a retirada dos símbolos franquistas do Concello da Laracha

Xoán Manoel Sande Muñiz, concelleiro do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

 

 

 

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

 

             O 26 de decembro do pasado ano 2007 foi aprobada a lei estatal coñecida como “Lei da Memoria Histórica”. Este texto lexislativo que se publicou no Boletín Oficial do Estado o 27 de decembro de 2007 entrou en vigor ao día seguinte da súa publicación, é dicer, o 28 de decembro de 2007.

 

O artigo 15 da citada lei, no seu punto 1, establece o seguinte:

As administracións públicas, no exercicio das súas competencias, adoptarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Dictadura”.

 

O concello da Laracha é a día de hoxe aínda un dos poucos concellos nos que seguimos “honrando” aos máximos responsábeis da sublevación militar e da represión da Dictadura franquista, en concreto, a través do nome da principal praza da capital municipal, onde se atopa a casa do concello, e na que podemos ver unha placa indicando que estamos na “Praza do Xeneralísimo Franco”. O mesmo ocorre na vila de Caión, onde tamén podemos ver, nunha das principais rúas, a que vai da Insua á praza da vila, a placa indicativa do nome desa rúa “Carrero Blanco” así como as correspondentes travesías da mesma, e tamén a praza “Vila Fano”.

 

Desde o BNG queremos insistir unha vez máis en que A Laracha deixe de dar este lamentable espectáculo de seguir honrando aos represores, ademáis cando agora existe un texto legal que obriga ás administracións públicas a retirar as placas conmemorativas da exaltación da sublevación militar e da represión da dictadura (como se recolle no texto do artigo antes mencionado).

 

 

 

 Consideramos que, pola contra, débese recuperar a memoria dos que foron represaliados e que persoas ilustres do noso concello, que loitaron pola democracia e pola liberdade, e que fixeron importantes cousas por este concello como é o caso do que fora alcalde na república e tamén deputado provincial (Ramiro Suárez), e deben ser persoas destacadas do noso municipio como este caso, e outras que se teñan destacado pola defensa das liberdades, pola nosa cultura, etc., as que se deben ter en consideración á hora de poñer os nomes ás nosas prazas e rúas.

 

 

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG da Laracha somete á consideración do Pleno, a adopción do seguinte acordo:

 

 

O concello da Laracha retirará os nomes dos representantes da dictadura franquista das rúas e prazas do noso concello (nomeadamente da “Praza do Xeneralísimo Franco” da Laracha e a “Avenida Carrero Blanco” e a praza “Vila Fano” de Caión, en cumprimento do establecido no artigo 15 da Lei 55/2007 (coñecida como Lei da Memoria Histórica).

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A Laracha, 29 de abril de 2008

 

 

 

 

Asdo.: Xoán Manoel Sande Muñiz,

Concelleiro do Grupo Municipal do BNG da Laracha

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • Descarga a moción en PDF