Moción para a reformulación do espectro radioeléctrico.
Carolina Castiñeiras Brandón, concelleira do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O espectro radioeléctrico é unha competencia exclusiva do Estado, administrada desde o Ministerio de Industria e a Axencia Estatal de Telecomunicacións.
É así que as disposicións regulamentarias e as concesións de uso, tanto de operadores privados como públicos son dirixidas desde a Administración central “sen atender ás peculiaridades dos territorios do Estado”.
Para o BNG “é necesaria unha reformulación da xestión do espectro radioeléctrico que permita que as Comunidades Autónomas, en coordinación co Estado, como no caso da TDT, poidan desenvolver as súas propias estratexias en materia de cobertura da banda larga, incluíndo o outorgamento de concesións de uso do espectro para a cobertura de núcleos dispersos do medio rural cos mesmos servizos que xa existen nas cidades”.
E por isto que o grupo municipal do BNG presenta esta moción e solicita o voto favorábel do Pleno da Corporación para a adopción do seguinte
ACORDO
Dirixirse á Xunta de Galiza para que inicie xestións co Goberno do Estado aos efectos de que Galiza poida dispor de operadores inalámbricos en banda licenciada que resolvan as carencias do medio rural galego, de xeito que contemplen os seguintes aspectos:
- Que nas próximas modificacións regulamentarias da xestión do espectro radioeléctrico se inclúa a posibilidade de que o uso de frecuencias teña como territorio de asignación o das Comunidades Autónomas e non necesariamente o conxunto do Estado.
- Que o dividendo dixital que queda libre co apagón tecnolóxico poida ser adxudicado a nivel autonómico, tanto para a tecnoloxía en mobilidade como para a banda convencional.
- Que en todos os novos procedementos de asignación de espectro radioeléctrico que van vir co apagón analóxico, a prioridade sexa a asignación de servizos para a cobertura do medio rural con servizos de banda larga de calidade
A Laracha 24 de abril de 2009
Asdo. Carolina Castiñeiras Brandón, concelleira do Grupo Municipal do BNG da Laracha.