Moción 8 de marzo, día internacional da Muller

Carolina Castiñeiras Brandón, concelleira  do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN

 

 

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O 8 de marzo, a conmemoración do Día Internacional das Mulleres, é unha data que as organizacións sociais comprometidas na defensa dos dereitos das mulleres, lembran cada ano para procurar marcar un paso adiante neste camiño.

Tamén está presente nesta data a homenaxe ás 129 mulleres que morreron nunha fábrica téxtil dos Estados Unidos en 1908, cando estaban facendo unha folga, en defensa dos seus dereitos como traballadoras, e o empresario prendeu lume aos locais da fábrica con elas dentro. Dise que a cor das teas que estaban cosendo era violeta e tamén que o fume que saía da fábrica ardendo era violeta e que se podía ver a quilómetros de distancia.

Este ano veñen á nosa memoria especialmente os dereitos laborais das mulleres. Nestes momentos de crise económica que está vivindo a nosa sociedade, a defensa dos dereitos laborais das mulleres faise imprescindíbel ante o fracaso das políticas económicas ultraliberais defensoras do mercado libre sen ningún control público, que afectan ao mercado laboral e que ameazan coa redución de postos de traballo que sen dúbida vai incidir de maneira particular sobre o emprego feminino, que adoita ser un emprego marcado pola precariedade e sen a cobertura suficiente ante o desemprego.

Esta é a razón pola que desde o BNG vemos como necesidade prioritaria amparar con diñeiro público as medidas de cobertura de desemprego para as mulleres, dada a situación laboral que padecen as mulleres galegas ao desenvolver a súa actividade en sectores laborais caracterizados pola precariedade e que por tanto van acusar en maior medida a recesión económica deste tempo.

A feminización da pobreza, marcada no noso país por esta precariedade laboral que moitas mulleres padecen por non ter alternativas laborais de calidade, e a consecuente volta ao ámbito privado das mulleres que perdan o seu emprego, vai incidir inevitabelmente na súa autonomía persoal, ligada á económica, e vai supor un retroceso no proceso de construción da liberdade persoal e social das mulleres.

 

 

O lugar que asigna o patriarcado e o capitalismo ás mulleres é este, o do privado, porque xa lle ten dado bos rendementos económicos, mentres tanto prívase ás mulleres da autonomía persoal que é fundamental para a realización plena dos dereitos de cidadanía nunha sociedade democrática.

Desde o BNG analizamos esta situación de crise económica desde unha óptica nacional e feminista. Queremos prever as consecuencias para as mulleres galegas deste momento de inestabilidade económica e sabemos que só desde unha óptica nacional e con perspectiva de xénero, poderemos achar as saídas.

Esta óptica nacional e feminista que nós propoñemos precisa de que Galiza conte canto antes cun Estatuto de Nación. O Estatuto que Galiza necesita debería servir de base para os instrumentos políticos e financeiros que nos permitisen exercer o noso autogoberno nacional en beneficio das galegas, para intervirmos na vida social e económica e poder formular un modelo de desenvolvemento económico propio e acaído á realidade das mulleres galegas, moi necesario nestes tempos de crise. Con máis poder político, máis instrumentos para erradicar as discriminacións de xénero.

O Novo Estatuto de Nación debería incluír un catálogo de dereitos e deberes no que os dereitos sociais e políticos das mulleres estiveren presentes. Este catálogo de dereitos e deberes é fundamental para construír unha democracia de calidade na que se contemple o dereito á conciliación da vida laboral e familiar coa obriga dos poderes públicos de contribuír a ela, para que non queden conculcados os dereitos laborais e sociais das mulleres, e se chegue a implicar desde a corresponsabilidade nas tarefas de coidado aos homes.

As competencias para Galiza en materia laboral permitirían estabelecer controis de xénero nas empresas: se dotásemos de  máis medios a inspección de traballo e seguridade social, e a enfocásemos cara os sectores de ocupación feminizados, poderíase avanzar no control e protección da situación laboral das mulleres, do mesmo modo que se asumísemos todas as funcións e servizos relacionados coa agricultura, poderíase avanzar nas políticas de promoción do traballo das labregas.

Un Novo Estatuto de Nación incorporando as competencias exclusivas en Igualdade, é fundamental para aplicar  o principio de igualdade de trato e garantir o acceso das mulleres aos dereitos sexuais e reprodutivos, o dereito a decidir sobre o propio corpo, e a seguridade e atención no caso de padeceren a violencia de xénero. Coa asunción das competencias en materia de demarcación xudicial, poderíanse tamén crear os xulgados exclusivos de xénero que precisamos, nas cidades galegas.

Os dereitos de plena cidadanía das mulleres deberían estar recollidos no novo Estatuto de Nación, que suporía a oportunidade para as mulleres de avanzar na igualdade real. A acción dos gobernos, tanto a articulada a nivel nacional como desde os concellos, terá que dirixirse a evitar a saída das mulleres do mercado laboral, porque isto supón un retroceso nos dereitos sociais das mulleres, e a evitar a feminización da pobreza, comprometendo a sociedade civil e o tecido empresarial nesta tarefa.

Nestes momentos o compromiso coa igualdade faise máis necesario, porque non é posíbel unha sociedade xusta se son conculcados os dereitos de cidadanía das mulleres.

En consecuencia, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO

 

1.    Asumir por parte da corporación municipal que as políticas de igualdade do goberno municipal teñen carácter transversal e se deben implicar nelas todas as áreas.

2.    Comprometerse para a preservación do emprego feminino e no traballo contra a feminización da pobreza a través do estabelecemento de medidas de contratación específicas para as mulleres.

3.    Promover activamente o asociacionismo feminino e a participación das mulleres na vida política e social sen esquecer o colectivo de mulleres inmigrantes.

4.    Garantir que todas as organizacións que reciban subsidios do Concello adopten prácticas non discriminatorias e o recollan explicitamente nos seus documentos..

5.    Valorar e primar que todas as organizacións, empresas ou entidades que reciban financiamento público a través de contratas ou servizos adopten prácticas non discriminatorias e estas se recoñezan a través dun plan de igualdade específico. Facer pública a adopción deste criterio.

6.    Dotarse desde o Concello dos servizos públicos que atendan o traballo do coidado que as mulleres realizan de modo gratuíto e que favorezan outras opcións para a vida persoal das mulleres.

7.    Deseñar políticas de corresponsabilidade para implicar os homes nas tarefas de coidado.

 

 

                                        A Laracha, 6 de marzo de 2009

 

 

 

 

 

 

Asdo.: Carolina Castiñeiras Brandón,

Concelleira do Grupo Municipal do BNG da Laracha

 

 

 

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • Descarga a moción en PDF