Moción sobre a dignificación do recibo de axudas do Concello
Carolina Castiñeiras Brandón, concelleira do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN.
EXPOSICIÓN:
Todas as administracións municipais, provinciais, centrais ou nacionais (Xunta de Galiza) conceden diversos tipos de subvencións nos distintos ámbitos de actuación e xestión, becas, axudas de estudio, etc. E todas as administracións despois de concedidas esas axudas, entregan a cantidade económica estipulada ao receptor a través de transferencias bancarias.
Esto non está a ocorrer no concello da Laracha, onde a entrega de axuda ao estudio para alumnos das distintas etapas educativas é entregada en man.
O Grupo municipal do BNG recibiu numerosísimas queixas, un ano máis, por parte das familias beneficiadas por estas axudas que consideran, ao igual que o noso grupo, inapropiado dende o puntod e vista ético, aparte de incómodo por ter que desplazarse ata a Casa do Concello coincidindo co horario laboral destas persoas, ese xeito de entrega por parte do goberno municipal.
Aínda que ninguén dubida da finalidade positiva, do xusto e nobre obxectivo da subvención, fire a dignidade das persoas que a reciben o modo en que se entrega, como se fose unha esmola en vez dunha axuda económica á que teñen dereito.
É por todo isto que o grupo municipal do BNG presenta esta moción e solicita o voto favorábel do Pleno da Corporación municipal para a adopción do seguinte ACORDO:
O Concello da Laracha tomará as medidas axeitadas para se dignifique a entrega económica das axudas ao estudio dos distintos niveis educativos, como se fai noutras administracións, por exemplo a transferencia bancaria ou método similar.
A Laracha, 16 de xaneiro de 2009