Moción para a eliminación das barreiras arquitectónicas no Concello

Xoán M. Sande Muñiz, Concelleiro do Grupo Municipal do BNG da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, formula a seguinte MOCIÓN para o seu debate e aprobación no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

            Desde o BNG da Laracha consideramos que as administracións públicas deben velar pola igualdade de oportunidades das persoas con algún tipo de discapacidade, e facer todo o posible porque todas as persoas poidan ter unha absoluta mobilidade polas rúas, beirarrúas, edificios públicos, prazas, parques, etc., sen obstáculos nen barreiras arquitectónicas que impidan a normal circulación, tanto para as persoas con discapacidade ou con problemas de mobilidade como para os pais e as nais que levan ás súas crianzas en carriños, etc.

 

            Consideramos que na Laracha está aínda moi lonxe a igualdade no dereito á mobilidade de todas as persoas, pois atopamos moitas barreiras no acceso a edificios mesmo públicos, moitas beirarrúas sen rampas de acceso (e outras que teñen unhas rampas malísimas, que non son accesíbeis pois quedan uns escalóns entre a beirarrúa e a estrada que supoñen un obstáculo insalvable para persoas con mobilidade reducida). Para o BNG da Laracha, o concello debera facer un maior esforzo en ir paulatinamente eliminando todas as barreiras, pensamos que debera ser unha prioridade do goberno municipal, mais vemos que non só non parece unha prioridade a eliminación das barreiras existentes senón que, aínda peor, están a facerse novas obras públicas con máis barreiras, o que nos parece máis grave.

 

            Na recente obra de reforma do xardín da “Praza do Xeneralísimo” (a praza na que está a  Casa do Concello e que habitualmente o goberno municipal chama “Praza do Concello”, supoñemos porque lle dá vergoña chamala polo nome oficial que o P.P. se nega a cambiar), non se tivo en conta o factor da accesibilidade pois os novos accesos que se fixeron para o xardín non dispoñen de ningunha rampa e unicamente escaleiras.

 

Entendemos desde o BNG que a eliminación de barreiras non pode ser só a instalació dun elevador na casa do concello ou no edificio de servizos múltiples, senón que ir que ir moito máis alá, hai que camiñar cara á supresión das barreiras nas beirarrúas e nas prazas e parques públicos, e desde logo unha cousa fundamental é ter sempre en conta, á hora de afrontar calquera obra nova desde o concello, o factor da accesibilidade como algo fundamental en calquera equipamento público.

 

            Así pois, o Grupo Municipal do BNG somete á consideración do Pleno, para o seu debate e aprobación, as seguintes cuestións:

 

 

O concello da Laracha abordará de xeito integral a eliminación de barreiras arquitectónicas, e así mesmo considerarase o elemento da accesibilidade como unha cuestión fundamental á hora de acometer calquera nova obra, de xeito que non se faga ningún equipamento público, praza, parque, beirarrúa, etc., con barreiras.

 

 

 

A Laracha, 22 de marzo de 2008

 

 

Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,

Concelleiro do Grupo Municipal do BNG

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • Arquivo a descargar