Moción de apoio ao Pobo Saharaui
GRUPO MUNICIPAL DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
MOCIÓN DE APOIO AO POBO SAHARAUI
Carolina Castiñeiras Brandón, Concelleira do Grupo Municipal do BNG da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, formula a seguinte MOCIÓN para o seu debate e posterior aprobación na vindeira sesión plenaria ordinaria:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O pasado 28 de febreiro celebrouse o 32º aniversario da proclamación da República Árabe Saharaui Democrática. Sen embargo, nestes trinta e dous anos, nin a comunidade internacional a través das Nacións Unidas, nin o Estado español como responsábel do proceso de descolonización do Sáhara Occidental, foron quen de garantir o respecto do dereito internacional e o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas que recoñecen o dereito de autodeterminación do pobo saharaui.
Hoxe, os territorios do Sáhara Occidental, repartidos en primeira instancia e co beneplácito e complicidade do Goberno español, en 1975, entre Marrocos e Mauritania, continuan ocupados de maneira ilegal polo Estado de Marrocos, unha ocupación non recoñecida a nível internacional por supoñer unha vulneración flagrante do dereito internacional. Neses territorios ocupados, miles de saharauis sufren habitualmente a represión e a violación dos dereitos humanos por parte das autoridades marroquíes, tal e como teñen denunciado non só o Frente Polisario, senón tamén organizacións de defensa dos dereitos humanos tanto de Marrocos como internacionais, o que ten conlevado declaracións de condena e rexeitamento en ámbitos como as Nacións Unidas ou o Parlamento Europeo.
Outra parte da poboación saharaui, aproximadamente 150.000 persoas, vive refuxiada en condicións infrahumanas desde hai máis de trinta anos, no deserto arxelino, un dos lugares máis inhóspitos e inhabitábeis do planeta, perto da cidade de Tinduf. Nos últimos anos, e coa pretensión de dobregar ao pobo saharaui, tense reducido de maneira alarmante a axuda humanitaria e o programa de alimentos, imprescindíbeis para a subsistencia dos refuxiados e refuxiadas.
Desde o alto o fogo acordado a principios dos anos 90 teñen transcorrido case 20 anos caracterizados pola oposición sistemática de Marrocos aos diferentes plans de paz formulados por Nacións Unidas que sempre, de maneira inequívoca, recoñeceron o dereito de autodeterminación do pobo saharaui para decidir o seu futuro.
Ao longo destas tres décadas, cáseque un centenar de paises de todos os continentes teñen recoñecido oficialmente á República Árabe Saharaui Democrática, que ademais forma parte da Unión Africana.
Por outra banda, tamén, neste período de tempo teñen sido numerosas as mostras de solidariedade do pobo galego co pobo saharaui traducidas especialmente nos centos de familias que todos os veráns acollen a cativos e cativas procedentes dos campos de refuxiados de Tinduf.
Por todo o dito, o BNG propón que o Pleno da Corporación Municipal, facéndose eco do sentir da maioría dos veciños e veciñas e desde a defensa da legalidade internacional e da solidariedade entre os pobos, adopte os seguintes
ACORDOS
1.- Manifestar o apoio do noso concello ao pobo saharaui, expresando a condena pola ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do Sáhara Occidental e reclamando a súa descolonización definitiva a través do exercicio do dereito á autodeterminación recoñecido polas Nacións Unidas. Así mesmo, condenar a represión e a violación dos dereitos humanos nos territorios ocupados do Sáhara Occidental por parte das autoridades marroquíes.
2.- Levar a cabo as seguintes accións:
a) Establecer un irmanamento cunha daira saharaui, dotando a dito irmanamento de contido político, cultural, económico, solidario, etc…
b) Desenvolver campañas de información e sensibilización social en todo o concello, nos centros de ensino, etc…
c) Cooperar directamente coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui apoiando as súas actividades (caravanas, vacacións en paz,…)
3.- Reclamar ao goberno galego e ao goberno español a condena da ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do Sáhara Occidental, o apoio explícito á celebración dun referendo de autodeterminación do pobo saharaui e a exixencia de cumprimento por parte de Marrocos das resolucións de Nacións Unidas.
4.- Reclamar do goberno español o recoñecemento oficial da República Árabe Saharaui Democrática e, así mesmo, o impulso no ámbito internacional do incremento da axuda humanitaria dirixida aos campos de refuxiados de Tinduf.
5.- Acórdase dar traslado destes acordos ao Presidente da Xunta de Galiza, Presidente do goberno español, Ministro de Asuntos Exteriores, Portavoces dos Grupos Parlamentarios do Parlamento Galego e do Congreso dos Deputados, Embaixada de Marrocos en España, representante do Frente Polisario en Galiza e Presidente de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.
A Laracha, 18 de marzo de 2008
Asdo.: Carolina Castiñeiras Brandón,
Concelleira do Grupo Municipal do BNG da Laracha