Moción para a mellora do servizo de Correos

Xosé Antón de la Fuente Subiela, portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para a súa contestación no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN RELATIVA Á PRESTACIÓN EFICAZ DO SERVIZO DE CORREOS

 

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 

 

En Galiza o servizo postal é un dos grandes medios de cohesión socioecomica, sobre todo neste medio rural espallado xeográfica e poboacionalmente e, por engadido, un dos garantes da información e a comunicación, e tamén da xestión económica a través do xiro postal; unhas positivas virtualidades que agora se están a poñer en grave risco.

Dende hai máis de dez anos, o modelo deseñado polos Gobernos do Estado para o servizo postal foi o de conquerir a longo prazo unha privatización do Servizo de Correos: externalización de servizos concretos, creación de empresas de reparto de paquetería e progresiva supresión dos postos de persoal funcionario, para transformalos en postos de persoal laboral adscritos a unha sociedade anónima, e non directamente á Administración do Estado.

Os/As funcionarios/as de correos xa non son corpo especial, o que pode favorecer a súa marcha: mobilidade para poder trasladarse a outras administracións. O propósito é eliminar funcionarios/as. Fanse repetidas reducións de plantilla, as xubilacions non son substituidas por novos traballadores/as, as condicións laborais sofren un deterioro paulatino, engadidas as presións que sofren os/as traballadores/as; e a calidade do servizo vaise empobrecendo.

Preténdese así facer de Correos unha entidade rendíbel, fronte ao modelo de servizo público destinado a atender as necesidades cidadáns.

Esta tendencia veu provocando moito dano ao servizo e ao seu persoal, dano ainda máis notabel en Galiza, e que o noso concello está a sufrir, polas súas peculiaridades de asentamento poboacional disperso.

Neste contexto cómpre salientar a aprobación polo Goberno do Estado do Regulamento rector da prestación dos servizos postais. Mentras que coa anterior normativa estabelecíase a obriga de entregar correspondencia cinco días laborábeis á semana, o novo decreto reduce esa obriga, e crea os chamados “entornos especiais”, nos que se elimina a entrega domiciliaria. Nestes “entornos” a entrega dos envíos postais ordinarios realizarase a través de “buzóns individuais non domiciliarios” e de “casilleros concentrados pluridomiciliarios”. E a entrega dos envíos a través de tales buzóns será  -dise-  “todos os días laborabeis e, alomenos, cinco días á semana”.

Prevese, ao propio tempo, que a entidade prestadora do servizo postal universal poderá “convenir cos usuarios, os concellos, así como os promotores o establecemento, ubicación e financiamento de instalacións apropiadas para a entrega dos envíos postais ordinarios”.

Prevese asemade que “se as vivendas ou edificacións do entorno afectado non dispuxesen das instalacións apropiadas para a entrega dos envíos postais ou estas non se atopasen en condicións de uso adecuadas, o operador universal facilitará a entrega dos envios postais na oficina postal máis próxima, previa comunicación escrita aos/ás destinatarios/as de dita circunstancia e do horario no que poderán ser retirados”. É dicir, se non  hai buzón, a xente terá que desprazarse á oficina máis próxima.

A isto cómpre engadir que, segundo o novo regulamento, a consideración de “entornos especiais” é amplísima. Abonda con ter en conta, por exemplo, que terán esa consideración (e é un só suposto) “as vivendas ailladas ou situadas en entornos cualificados como diseminados e que estean situadas a máis de 250 metros da vía pública habitualmente utilizada por calquera dos servizos públicos”.

Xa se ve, polo dito, que practicamente todo o rural galego queda baixo estas condicións. Non se esqueza que Galiza non só ten 32.000 núcleos de poboación (a metade do Estado), senón tamén máis do 50 por cento dos carteiros de España.

Atopámonos así nunha situación que é nomeadamente grave en Galiza, que minora a condición de servizo público dos correos, que non ofrece garantías de inviolabilidade da correspondencia, que obedece a criterios puramente economicistas e non de seguridade e eficacia do servizo, e que, a mais de todo iso, pode supor, de se implantar, a perda de máis de 400 postos de traballo en Galiza, sobre todo no deprimido medio rural; todo iso, por non insistir na perda de calidade, o trastorno dos usuarios e un incumprimento do espirito da Lei.

Esta situación estámola xa a sufrir no noso concello, polo que o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego insta ao Pleno da Corporación Municipal, a adoptar o seguinte

ACORDO

1.      Dirixirse ao Goberno Galego para que inste ao Ministerio de Fomento do Goberno do Estado a garantir, sen detrimento das condicións laborais do persoal, a prestación eficaz do servizo postal universal no termo municipal en condicións de igualdade e non discriminación polo lugar de residencia, revocando, asemade, calquera medida que poida menoscabar o dereito cidadán á inviolabilidade da comunicación postal.

2.      Enviar o presente acordo ao Presidente e ao Vicepresidente da Xunta de Galiza, ao presidente do Goberno do Estado e á ministra de Fomento.

 

 

 

 

 

A Laracha, 24 de xaneiro de 2.008

 

 

 

 

Asdo.: Xosé Antón de la Fuente Subiela,

Portavoz do Grupo Municipal do BNG

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]