Moción para homenaxear e recuperar a memoria de Ramiro Suárez (alcalde da Laracha durante a República) e da súa Corporación Municipal
Xoán Manoel Sande Muñiz, concelleiro do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Desde o BNG da Laracha consideramos que este concello ten unha débeda histórica coas persoas como o que foi o último Alcalde democrático antes da dictadura de Franco, Ramiro Suárez, que foi víctima da represión e que tivo morrer no exilio. Entendemos que o concello da Laracha debe recuperar da memoria a figura deste Alcalde, que se debe buscar no arquivo a información relativa a Ramiro Suárez e a toda aquela corporación que foi elixida democraticamente e que viu violentamente truncado o seu mandato pola guerra e pola represión da dictadura.
Temos xa demandado en máis dunha ocasión o cambio dos nomes de prazas e rúas que neste concello temos adicado a responsábeis da represión da dictadura franquista, incluso ao máximo responsábel ao que lle temos adicado a praza principal deste concello, mais desde o goberno municipal do Partido Popular néganse aos cambios e teiman en mantelos.
Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG propón ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:
- O Concello da Laracha recuperará a figura do último Alcalde democrático antes da dictadura franquista, Ramiro Suárez, buscaráse a información nos arquivos relativa a esta persoa, a súa traxectoria política e o seu final no exilio, e farase pública esta información, ademáis dos nomes de todas as persoas que conformaron a Corpración Municipal democráticamente elixida que veu truncado o seu mandato de xeito violento pola guerra e a posterior represión da dictadura.
- O Concello da Laracha fará un acto de homenaxe á figura de Ramiro Suárez e a toda aquela Corporación, e nomearase algunha rúa ou praza co nome do Alcalde Ramiro Suárez.
A Laracha, 22 de xullo de 2008
Asdo.: Xoán Manoel Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha