Moción para a Mellora do Transporte público en Bergantiños

Carolina Castiñeiras Brandón, concelleira do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN relativa á necesidade dun transporte público de calidade en Bergantiños

 

Exposición de motivos:

EXPOÑO:

 

O transporte colectivo en Galiza durante moitos anos permaneceu nun estado de deterioro lamentábel como consecuencia dunha falla de políticas que tiveran como obxectivo garantir un servizo público que vertebrara o país e que beneficiara as maiorías sociais. A todo isto hai que engadir o deterioro das liñas, o recorte de servizos, a non relación calidade-prezo como elementos que condicionaron decisivamente esta situación.

 

Os cambios e avances que se teñen producido neste eido foron e son moi limitados e en moitos casos responden á presión social exercida pola poboación. Pero na maioría dos casos aínda que as necesidades sociais son moi importantes síguese cun transporte deficitario tanto por estrada como por ferrocarril desatendendo as necesidades dos cidadáns.

 

A comarca de Bergantiños é un exemplo máis desta situación, coa inexistencia de vía férrea no seu seo e cunha conexión de autobuses moi deficitaria, e que incluso empeorou trala segregación da compañía Arriva.

 

A sociedade galega e en concreto os cidadáns deste concello deberían ter un transporte colectivo acorde coas súas necesidades e as institucións teñen que tomar consciencia e responsabilizarse desta tarefa.

 

O BNG cre que o transporte colectivo promove a igualdade social porque permite que persoas con poucos recursos ou mesmo dependentes gocen de autonomía (maiores, discapacitados, xente nova...) pero ademais é vital para a vertebración do país e o estabelecemento de vínculos sociais, económicos, comercias, culturais... entre as vilas do noso entorno.

 

O papel que teñen os concellos nesta problemática é importante dado que son a institución máis próxima aos cidadáns. Por iso cremos que deben actuar de xeito activo como institución que conecte as políticas deseñadas polos gobernos estatal e galego e as necesidades da cidadanía.

 

En consecuencia o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes:

 

 

 

 

 

ACORDOS:

 

·        Instar aos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza a avaliar a viabilidade e necesidade de comunicación ferroviaria na comarca de Bergantiños.

 

·        Instar á Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte a que revise as concesións das liñas que afectan á nosa comarca, faga seguimento das condicións en que se presta o servizo, liberalice as paradas para permitir o seu uso cando poida dar cobertura a máis dunha liña de distintas compañías e deseñar unha rede de comunicacións complementaria á actual partindo da base do transporte ser un servizo público.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

18 de  Xaneiro de 2008

 

 

 

 

 

 

 

 

Asdo: Carolina Castiñeiras Brandón

 

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]