Moción para instar a compensar aos concellos pola perda do Imposto de Bens Inmobles (IBI)

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

 

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

O Real Decreto 1464/2007, polo cal se aproban as normas técnicas de valoración catastral, estabelece tanto as normas específicas de valoración como os coeficientes correctores diferenciados que deberán ter en conta os concellos para fixar o Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) sobre os Bens Inmóbeis de Características Especiais (BICES), tais como centrais hidroeléctricas, parques eólicos, estradas e autoestradas, etc. A nova normativa tamén atribúe ao Catastro a exclusividade para levar a cabo as ponencias de valores, tomando, como único criterio o método de valoración do citado Real Decreto, que recolle os módulos contemplados nos anexos para cada unha das clases de bens inmóbeis de características especiais.

 

 

Esta nova lexislación afectou negativamente a boa parte dos concellos galegos con centrais hidroeléctricas, grandes encoros e presas, xa que os valores catastrais deste tipo de bens e instalacións teñen reducido, cos novos criterios de valoración, os ingresados e consolidados no ano 2007 e anteriores. Desta forma, a recadación por IBI, unha das principias fontes de ingresos das arcas municipais xa de por si deficitarias, ten diminuído considerabelmente.

 

Por outra banda, o citado Real Decreto non ten en conta a sentenza do Tribunal Supremo do ano pasado, pola que se estimou a reclamación da FEGAMP. Esta sentenza estabelece, a efectos do IBI, a consideración como Bens Inmóbeis de Características Especiais dos parques eólicos en réxime especial. Porén, ao non estar incluído o contido da sentenza no Real Decreto, moitos municipios enfróntanse ao problema de que o catastro non realiza a correspondente valoración sobre estes novos BICES.

 

 

 

 

 

 

 

Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG presenta esta moción e solicita o voto favorábel do Pleno da Corporación municipal para a adopción do seguinte

 

ACORDO

 

 

Instar á Xunta de Galiza a que se dirixa ao Goberno do Estado para demandarlle:

 

  1. Compensar economicamente aos concellos galegos que, debido á aplicación do Real Decreto 1464/2007, vexan reducida a recadación do IBI debido á minoración na valoración dos seus Bens Inmóbeis de Características Especiais, habilitando a tal efecto as partidas necesarias nos Orzamentos Xerais do Estado para os vindeiros anos.

 

 

  1. Modificar o Real Decreto 1464/2007, de xeito que se inclúa o contido da sentenza do Tribunal Supremo do 30 de maio do 2007 sobre a consideración fiscal dos bens destinados á produción de enerxía eléctrica en réxime especial, como son os parques eólicos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A Laracha, 11 de xullo de 2008

 

 

 

 

Asdo.: Xoán Manoel Sande Muñiz,

Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]