Moción de apoio ao sector do viño de Galiza

Xoán Manoel Sande Muñiz, concelleiro do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

Partimos do feito de que o sector vitivinícola de calidade ten en Galiza unha grande transcendencia socio-económica que favorece o desenvolvemento do rural, xa que máis de sesenta mil persoas teñen relación directa con este sector, xerando beneficios económicos para dezaoito mil delas na produción, transformación e na comercialización, e unha facturación que rolda os cento cincuenta millóns de euros. É importante destacar xa que logo que o viño como bebida alcohólica fermentada, trátase dun produto asociado á cultura galega, sostén económico de amplas zonas rurais de Galiza, e que nos últimos anos véñense desenvolvendo actuacións orientadas á consecución de viños de calidade e consumos contendidos. As súas pautas de consumo asócianse ao consumo de alimentos e non buscando o seu contido alcohólico.

                       

            Consideramos ademais que o viñedo configura parte da nosa paisaxe e está perfectamente integrado no medio natural, cunha importancia capital no mantemento do medio ambiente, e en especial na protección dos solos fronte aos procesos erosivos.

 

            Acreditamos que o legado artístico e cultural vinculado ao viño reflíctese en multitude de manifestacións de diversa índole nas comarcas produtoras, constituíndo para Galiza nunha ampla tradición histórica e cultural.

 

Por todo o antedito, solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

O concello da Laracha insta á Xunta de Galiza a que, na posíbel elaboración de calquera normativa que puidese concernir directamente ao sector vitivinícola, se teñan en conta as seguintes consideracións:

1º A importancia socioeconómica que ten o sector do viño en Galiza e que polo tanto non se impulsen decisións que lle podan afectar negativamente.

2º Que no plano das definicións, regulacións, e restricións, referidas a bebidas alcohólicas, e o seu consumo por adultos/as, se manteña a legalidade vixente.

 

 

A Laracha, 23 de maio de 2008

 

 

Asdo.: Xoán Manoel Sande Muñiz,

Concelleiro do Grupo Municipal do BNG da Laracha

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • Arquivo a descargar