O BNG reclámalle á Xunta que poña en marcha as medidas previstas contra a Violencia de Xénero

A Coruña, 25 de novembro de 2011.- A responsábel comarcal do BNG, Silvia Seixas, anuncia a presentación de mocións nos concellos de toda a comarca contra a violencia de xénero e nas que esixe compromiso coas políticas de igualdade, unha proposta que xa foi presentada en Pleno polos nacionalistas no Concello da Coruña, mais que o PP impediu debater.

Silvia Seixas Naia, responsable comarcal do BNG

Seixas pon de manifesto que “a violencia de xénero constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres”. “É a manifestación máis clara e brutal da desigualdade aínda existente entre mulleres e homes”, sinala. “Falta moito camiño por andar até rematar completamente coa discriminación e subordinación das mulleres e acadar unha sociedade igualitaria”, engade. A nacionalista advirte de que a violencia de xénero “é un problema de primeira orde” e de que na súa erradicación “deben implicarse o conxunto de poderes públicos e toda a sociedade”.

Loita sen descanso para frear e atallar a violencia de xéneroAs cifras, apunta Seixas, demostran que a violencia de xénero non cesa en Galiza. E é que desde o ano 2000, foron 35 as mulleres asasinadas, solicitáronse máis de 10.000 ordes de protección e as denuncian superaron as 50.000. Ademais, a nacionalista salienta que a única enquisa realizada no noso país pon de manifesto que o 8,5 das mulleres (máis de 100.000) sofre violencia de xénero.

A responsábel comarcal do BNG denuncia que “malia as diversas peticións do BNG no Parlamento de Galiza, a Xunta non puxo aínda en funcionamento os instrumentos lexislativos previstos pola lei aprobada polo Parlamento de Galiza no 2007 para a protección das vítimas da violencia de xénero”. “É máis, o Goberno do PP na Xunta parece considerar prescindíbeis e superfluas a maior parte das accións preventivas e doutro tipo que se viñan poñendo en marcha nos últimos anos de cara á erradicación da violencia de xénero”, censura.

“O PP reduciu considerabelmente os orzamentos destinados á loita contra a violencia de xénero”

Seixas tamén informa de que o Goberno do PP na Xunta “aínda non deu ningún paso para a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, órgano institucional previsto na lexislación aprobada no Parlamento galego para mellorar a eficacia das políticas e recursos que se dedican á loita contra a violencia de xénero nin para as medidas de sensibilización social ou de formación”

Ademais, advirte de que o Goberno de Feijóo desmantelou as poucas estruturas básicas coas que a Administración galega contaba neste eido, como o Servizo Galego de Igualdade, e recortou considerabelmente as partidas orzamentarias contra a violencia de xénero.

“A erradicación da violencia contra a muller debe ser unha prioridade de calquera goberno”

A responsábel comarcal do BNG sinala que ningún goberno pode prescindir das políticas dirixidas á loita contra a desigualdade. “O PP apela á austeridade para recortar os fondos para combater a violencia de xénero, mais á vez malgastar cartos en temas de menor relevancia”, denuncia. Nesta liña, Seixas salienta que “a erradicación da violencia contra as mulleres debe ser unha prioridade de calquera goberno”.

O BNG solicita na moción que está a presentar nos concellos de toda a comarca que se inste a Xunta de Galiza a que impulse a posta en funcionamento das obrigas impostas pola Lei 11/2007 que están pendentes de desenvolvemento, en concreto, a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral.

Tamén reclaman os nacionalistas as administracións fagan unha planificación para a realización de campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero, que se realice á formación das e dos profesionais implicados na atención e tratamento das vítimas, e que se garanta o dereito á atención psicolóxica no ámbito sanitario público, cuestión tamén recollida na lei.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]